A Universidade de Vigo forma parte da delegación galega na feira BioSpain, que se celebra esta semana en Bilbao. Este evento, considerado un dos maiores de biotecnoloxía en Europa e do mundo polo número de xuntanzas bilaterais e empresas participantes, arrancou onte martes.
A UVigo intégrase na delegación da Xunta de Galicia – GAIN, xunto a outros axentes do Sistema Galego de Innovación como universidades, fundacións biomédicas, o Sergas, o Clúster de Saúde e empresas privadas. Galicia aposta firmemente pola investigación e transferencia no ámbito tecnolóxico a través dunha Estratexia en Biotecnoloxía na que a UVigo xoga un papel relevante.
O obxectivo da participación da UVigo en BioSpain é presentar os resultados da súa investigación e as súas capacidades no eido da biotecnoloxía, destacando especialmente as dos centros atlanTTic, CINBIO, CIM, Cintecx e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Ademais, búscase establecer contactos e sinerxías con entidades públicas e privadas para futuras colaboracións e proxectos comúns.
A representación da UVigo no evento estivo a cargo de Elena Gil e Uxía Vázquez, técnicas da Oficina de I+D. O grupo PhystoFish tamén tivo a oportunidade de presentar os resultados do proxecto Marinnonet cunha charla titulada 'Impulsando a biotecnoloxía azul a través dunha rede europea transnacional'. A este evento tamén asistiron o investigador principal do grupo, José Luis Soengas, a profesora Marta Conde e a xestora de proxectos Carlota Freiría.




