A Xunta salienta o crecemento da poboación de gaivota patiamarela no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, cun aumento do 35,5% de exemplares respecto ao período anterior. Estes datos foron presentados hoxe na reunión do padroado do Parque Nacional.
Marisol Díaz, directora xeral de Patrimonio Natural, destacou que no período 2025-2026 se contabilizaron 6.072 parellas, fronte ás 4.480 do ano previo, o que supón o maior avance poboacional desta ave nos últimos censos dentro deste espazo protexido.
Díaz sinalou que as Illas Atlánticas son un refuxio importante para as aves mariñas do norte peninsular e que o traballo de conservación garante a saúde das poboacións e a recuperación dalgunhas especies.
Os resultados detallados por arquipélago mostran un crecemento do 71,3% en Ons (de 659 a 1.129 parellas). Sálvora mantén o maior volume de poboación con 3.707 parellas. As Cíes rexistran un incremento estable e Cortegada é a zona de menor presenza.
Na xuntanza tamén se abordou a proposta da oitava reserva da biosfera Rías Baixas, cuxo núcleo é o Parque Nacional, e tratáronse informes sobre conservación da biodiversidade e prospeccións arqueolóxicas en Cíes e Ons.




