A localidade de Mos viviu onte un día especial coa celebración do Día Grande da súa Festa da Rosa. O evento, profundamente ligado á historia e identidade do municipio, comezou coa actuación da Banda de Gaitas Provincial de Pontevedra.
O pregón, a cargo do humorista Touriñán, arrincou aplausos e gargalladas do numeroso público asistente. A xornada festiva foi inaugurada polo presidente da Deputación, Luís López, quen recibiu simbolicamente o bastón de mando da man da alcaldesa, Nidia Arévalo. Tamén estiveron presentes a conselleira María Martínez Allegue e o conselleiro Román Rodríguez.
A alcaldesa Nidia Arévalo sorprendeu co seu vestiario, un deseño exclusivo do gañador do concurso de novos deseñadores do ano pasado. Durante o acto institucional, nomeáronse os novos Valedoriños, Valedores e Valedoras da Rosa de Mos 2026, entre os que se atopan Alba Salgueiriño, Óscar Molinos, a conselleira do Medio Rural María José Gómez, a campioa do Mundo de Baile Patricia Martínez, Celta Integra Zelnova, Radio Vigo e o músico Dani Burgos.
A festa tamén recoñeceu a mellor rosa da edición, premio que recaeu en María Fernández de Mos. A parroquia de Cela foi recoñecida pola súa participación con 53 ramos. No concurso de Empanada de Millo, Sara Samartín gañou o premio á mellor presentación e Panadería San Miguel á máis grande, mentres que Carmen Albán foi recoñecida polo mellor sabor.




