A Universidade de Vigo (UVigo) apoiou o pasado curso académico a 124 deportistas de elite, procedentes de 28 disciplinas deportivas diferentes, a través do Estatuto do estudantado deportista. Este recoñecemento, aprobado en 2021, busca axudar o alumnado a compaxinar os seus estudos coa práctica deportiva de alto nivel, evitando que teñan que abandonar algunha das súas facetas.
O número de deportistas acollidos a este estatuto incrementouse dende as 38 persoas no curso 2021/2022 ata as 124 do pasado exercicio. O pasado curso, 153 estudantes en total acolléronse a medidas de flexibilización, cun equilibrio de xénero (78 mulleres e 75 homes). Deles, 124 eran deportistas de elite (61 mulleres e 63 homes) en disciplinas como vela, ximnasia, natación adaptada, baile deportivo ou triatlón.
O Estatuto permite medidas como a elección de horarios, quendas ou grupos, a xustificación de faltas por competicións oficiais ou concentracións, e a flexibilización do calendario de exames. Ademais, outorga ata 6 créditos ECTS pola actividade deportiva, reserva de prazas en residencias universitarias e a posibilidade de estudar a tempo parcial. Os deportistas tamén gozan da gratuidade das instalacións deportivas da UVigo e son valorados nos procesos de mobilidade.
Os deportistas de elite tamén teñen deberes, como colaborar na promoción do deporte universitario, as boas prácticas e os hábitos de vida saudable, e representar á UVigo nas competicións cando sexa requirido.
A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no campus de Pontevedra é a que máis deportistas de alto nivel acolle (59), seguida polas escolas de Enxeñaría Industrial (19) e Fisioterapia (12). As medidas máis solicitadas foron o adiamento de exames por coincidencia con campionatos ou concentracións e a reasignación de quendas de prácticas.
O prazo para que o alumnado que cumpre os requisitos solicite o recoñecemento para o presente curso xa está aberto e rematará o 22 de xaneiro. Recoméndase facelo canto antes para facilitar a organización.




