A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu no Parador de Baiona á presentación da primeira edición do FARO Summit 2026 – Future Alliance for Resilient Oceans. Este encontro internacional, promovido polo Concello de Baiona e a Autoridade Portuaria de Vigo, terá lugar os días 19 e 20 de novembro.
O cumio reunirá a expertos, a comunidade científica, xestores portuarios e a industria para debater sobre o futuro e a sustentabilidade dos océanos. Durante a súa intervención, Villaverde subliñou o papel estratéxico de Galicia como primeira potencia pesqueira da Unión Europea. A comunidade galega concentra preto da metade da frota española e lidera unha cadea mar-industria que factura ao redor de 9.000 millóns de euros anuais e xera milleiros de empregos.
A conselleira, acompañada polo alcalde da localidade, Jesús Vázquez Almuíña, e polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, destacou que este evento coincide co décimo aniversario da estratexia Blue Growth de Vigo. Villaverde incidiu en que "desde o Goberno galego temos absolutamente claro que a sustentabilidade ambiental só é duradeira e real se avanza da man da viabilidade económica e da xustiza social".
A titular do Mar resaltou a importancia destas iniciativas para poñer a innovación e a transición enerxética ao servizo das confrarías, os portos e a xente do mar. Asegurou que "desde a Consellería do Mar seguiremos traballando para que Galicia continúe marcando o rumbo da economía azul en Europa".




