A máxima responsable da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, dirixiuse á representación do tecido empresarial e social presente no Desayuno en círculo, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, para expoñer a súa visión da institución e os seus plans de futuro. "Conten coa Universidade de Vigo. Tráiannos retos. Abramos máis espazos de colaboración. Axúdennos a entender mellor o que precisan. E fagan súa esta Universidade", sentenciou García Mateo, pechando a súa intervención.
A presidenta do Círculo, María Borrás, foi a encargada de presentar á reitora, quen estivo acompañada polos vicerreitores de Estratexia, Gobernanza e Economía, Xosé H. Vázquez Vicente; de Oferta Académica, Esther Pillado González; e pola xerenta, Ana María Comesaña Álvarez. García Mateo definiu a UVigo como "unha universidade pública, galega, moderna, excelente, con masa crítica e capacidade acreditada para competir", e lembrou as súas cifras: preto de 20.000 estudantes, mobilización duns 45 millóns de euros en 2025, 54 graos, 11 programas de simultaneidade, 72 mestrados e 41 programas de doutoramento.
Detallou o modelo multicampus da UVigo, con especializacións en Vigo (mar, enxeñarías, industria, TI, biomédicas), Ourense (auga, termalismo, alimentación, aeroespacial) e Pontevedra (creatividad, comunicación, deseño, deporte). García Mateo reivindicou unha Universidade "profundamente conectada con Vigo, Ourense, con Pontevedra e co conxunto da sociedade á que serve", e presentou as tres ideas que guían o seu equipo de goberno: que todas as persoas contan, o paso da improvisación á solvencia e do minifundismo ao proxecto común. Defendeu un liderado "sereno e próximo".
O seu método operativo resúmese en "priorizar; reorganizar e simplificar; executar; medir e render contas", verbos que buscan "avanzar" e transformar a Universidade. Centrouse en tres ámbitos clave: un horizonte estable para a planificación financeira e de infraestruturas, o talento, e unha oferta académica que anticipe realidades e observe a evolución social, tecnolóxica e do mercado laboral. "Isto implica tamén escoitar o tecido produtivo, non para formar para un posto concreto, senón para detectar novos perfís, competencias e ámbitos de coñecemento", afirmou.
A reitora tamén destacou a importancia da innovación docente, integrando a Intelixencia Artificial "con criterio" e fortalecendo a conexión entre aulas e empresa a través de prácticas de calidade, retos reais e formación dual e ao longo da vida. "Unha universidade viva necesita novos liderados; máis mulleres nos espazos de decisión, máis voces e máis responsabilidade compartida", concluíu, reivindicando o orgullo dunha "universidade pública e galega" que forma parte esencial da identidade e futuro de Vigo, Ourense e Pontevedra.




