A gala, que reuniu a máis de douscentos comerciantes, representantes asociativos, autoridades e veciños, foi presentada pola actriz Iria Sobrado e contou coa actuación musical do grupo Mr Cool. O evento, organizado por AEVER coa colaboración do Concello de Verín e co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través de Comercio Galego, destacou a importancia do comercio de proximidade.
Cinco establecementos foron galardoados en distintas categorías tras a valoración dun xurado de catro membros. Xoguetería Kuqui recibiu o premio á Renovación ou Relevo Xeracional. Chabela Regalos foi recoñecida polo seu Compromiso coa Comunidade e Identidade Local. Na categoría de Novo Comercio, o premio foi para Marise Salgado. UnoUno obtivo o recoñecemento á Innovación Comercial de Proximidade, e Santiveri foi distinguido pola Mellor Comunicación Comercial de Proximidade.
“"O esforzo diario das persoas que están detrás do comercio de proximidade contribúe á identidade de Verín e á actividade das súas rúas."
O premio honorífico recaeu no histórico Almacenes Recaredo Romeo. A gala contou coa presenza do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen entregou o premio á innovación, xunto a outras autoridades como o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro, o deputado provincial José María Lago, e o presidente do Inorde, Rosendo Luis Fernández.
Esta iniciativa, que busca dar visibilidade a diferentes formas de contribuír ao futuro do sector, forma parte dunha campaña extraordinaria de AEVER cofinanciada pola Xunta de Galicia, sendo unha das cinco seleccionadas na convocatoria de apoio aos centros comerciais abertos.




