A iniciativa, que tivo lugar o pasado 3 de outubro, logrou reunir un total de 3.430 euros. Estes fondos repartíronse a partes iguais entre as cinco entidades beneficiarias para apoiar o seu labor social, cunha achega de 686 euros para cada unha.
No acto participaron representantes da Asociación Española Contra o Cancro, Cruz Vermella, CDR Portas Abertas, Cáritas e FEMURO. Tamén estiveron presentes o tenente de alcalde e responsable da área de Conservatorio, Diego Lourenzo; o director do Conservatorio Profesional de Música de Verín, José Luís Tielas, e a representante da ANPA do centro educativo, Merce Freiría.
O concerto, que formou parte da programación da 31ª edición do Festival de Cine OUFF · Ourense e se realizou en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Verín, presentou ao público a música composta por Howard Shore para a triloxía cinematográfica baseada na obra de J. R. R. Tolkien.
Baixo a batuta de José Luís Tielas, a Xove Orquesta Ourensanía, xunto cun gran coro, interpretou temas emblemáticos da saga e pezas de El Hobbit. Esta proposta da Sinfónica Cinematográfica do OUFF fusionou música, cinema e literatura nun evento cunha finalidade solidaria.
A entrega da recadación pon o broche final a esta iniciativa de colaboración cultural e social, onde a resposta do público e a implicación das entidades permitiron converter a asistencia ao concerto nunha contribución económica ao traballo que desenvolven.




