Ante o notable incremento das temperaturas e o aumento da poboación que se rexistra nesta época do ano, a demanda e utilización dos recursos hídricos sofren un repunte significativo. Por este motivo, desde o consistorio verinense fan un chamamento á responsabilidade colectiva.
O comunicado municipal fai fincapé na necesidade de adoptar hábitos que permitan evitar consumos innecesarios e subliña que "A auga é un ben colectivo que hai que coidar".
O bando incide en que o compromiso individual e os pequenos xestos de cada persoa son fundamentais para previr problemas de abastecemento e asegurar un uso xusto e sustentable dos recursos dispoñibles.
O Concello de Verín quixo agradecer de antemán a colaboración e a responsabilidade demostrada pola cidadanía, lembrando que o coidado da auga constitúe unha obriga e unha responsabilidade compartida por todos.




