Os traballos arqueolóxicos de urxencia, dirixidos polo arqueólogo Israel Picón e realizados pola empresa A Citania Arqueoloxía, sacaron á luz estruturas que apuntan á existencia dunha necrópole de época medieval na contorna da igrexa parroquial de Santa Baia.
O equipo está a delimitar, limpar e documentar o xacemento para coñecer a súa extensión e características. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xa foi informada e técnicos deste departamento visitarán a zona nos próximos días para determinar as medidas de protección e a súa posible incidencia sobre o proxecto de reforma do parque.
O achado será incorporado ao Inventario de Patrimonio Arqueolóxico da Xunta de Galicia. Paralelamente, xa se completou a retirada de restos óseos contemporáneos atopados previamente e realizarase o cribado da terra extraída para buscar novos materiais de interese.
O informe arqueolóxico previo á reforma sinalaba que as obras non afectarían xacementos coñecidos, pero tras aparecer os primeiros restos óseos a finais de agosto, o Concello comunicou o achado á administración competente. Patrimonio Cultural determinou entón unha intervención arqueolóxica de urxencia.




