O grupo municipal do Partido Popular en Verín quedou sen representación tras a renuncia formal dos seus catro concelleiros electos. A Corporación municipal celebrou dous plenos extraordinarios e urxentes para tomar coñecemento destas dimisións e iniciar os trámites para a súa substitución.
Na primeira sesión, convocada ás 09:30 horas, aceptáronse as renuncias de Lara Da Silva Rodríguez, quen exercía como concelleira e portavoz do grupo popular, xunto con Aitor Álvarez Prado e Sonia Arias Pereira. Posteriormente, ás 09:45 horas, unha segunda sesión extraordinaria serviu para formalizar a renuncia de Beatriz Blanco Adegas.
Con estas catro baixas, a totalidade dos concelleiros que conformaban ata agora o grupo municipal do Partido Popular deixan os seus postos. O Concello xa iniciou o procedemento legal establecido para cubrir estas catro vacantes.
As certificacións correspondentes serán remitidas á Xunta Electoral de Zona coa solicitude da expedición das credenciais para os seguintes membros da candidatura popular presentada nas pasadas eleccións municipais. A urxencia na celebración dos plenos busca axilizar a tramitación administrativa e electoral para recuperar canto antes a composición completa da Corporación.




