A restauración do camiño antigo entre a aldea abandonada de Paradiña e a aldea modelo de Infesta, en Monterrei, porase en marcha como parte final do proxecto europeo Paisactivo-Paisaxes Cortafuegos. Esta actuación busca non só facilitar o acceso a un enclave oculto pola vexetación, senón tamén recuperar a memoria dun lugar con máis dun milenio de historia.
O proxecto Paisactivo, impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e coordinado pola Fundación Juana de Vega, ten como obxectivo converter os núcleos rurais en territorios máis habitables e resilientes. Conta cun orzamento de 1,58 millóns de euros, financiado en gran parte por fondos Feder, e comparte experiencia coa aldea portuguesa de Almofrela.
En Infesta, as actuacións xa permitiron recuperar máis de oito quilómetros de sendeiros, restaurar dez hectáreas con plantacións de árbores autóctonas e rehabilitar espazos públicos. Paradiña, situada na confluencia do río Rubín, permanece deshabitada desde finais dos anos oitenta, aínda que a súa historia remóntase polo menos ao ano 950.
Aínda que pertence administrativamente a Monterrei, Paradiña forma parte da parroquia de Rebordondo (Cualedro) desde 1893. A despoboación culminou en 1987 coa marcha da súa última veciña. O presidente da comunidade de montes de Infesta, Víctor Padrón, avanza que se desbrozará a 'aira, a ponte e o forno' e se sinalizará o camiño con fotografías antigas.
Antes do seu abandono, Paradiña era coñecida pola curandeira María do Arangaño, á que acudían familias para sanar o "arangaño" ou "tangaraño". O ritual, que se realizaba na Fonte dos Tres Regatos, forma parte do patrimonio inmaterial de Monterrei e ten similitudes con prácticas doutras zonas de Galicia e Portugal.




