A instrución do caso polo devastador incendio de Oímbra, que comezou o 12 de agosto de 2025 e arrasou 23.000 hectáreas, chega a un punto clave. A Fiscalía pediu o sobreseimento provisional ao descartar que o único investigado actuase con dolo ou imprudencia grave, xa que realizaba labores co tractor da empresa para a que traballaba seguindo ordes laborais. O Ministerio Público tamén sinalou a existencia de "evidentes erros de coordinación e mando" entre os organismos públicos implicados.
Segundo o escrito fiscal, o investigado "actuaba seguindo unhas ordes de traballo" e "unas ordes xerárquicas de distribución de traballo", e non por iniciativa propia na súa leira. Destaca ademais que a súa conduta posterior foi de axuda na medida do posible para extinguir o lume cos escasos medios dispoñibles ata a chegada dos servizos de auxilio.
Testemuños de axentes que interviron no suceso corroboran esta versión. Un deles declarou que, ao chegar ao segundo foco, o investigado estaba co tractor "tratando de levantar terra para apagar as chamas existentes", e incluso baixou do vehículo co seu extintor momentos despois. A propietaria da parcela tamén abriu o acceso para que o tractor puidese axudar a conter o avance do lume.
O fiscal Miguel Ángel Ruiz tamén subliña no seu escrito os "evidentes erros de coordinación e mando" entre a Xunta de Galicia, Seaga e o Concello de Oímbra nas ordes dadas ao traballador. Non obstante, lembra que as persoas xurídicas, sexan públicas ou privadas, non poden cometer imprudentemente este tipo de delito.
A defensa tamén aludiu á falta de coordinación entre a Xunta, a enxeñeira, os técnicos e o Concello de Oímbra, xerando un escenario de confusión que impediu emitir unha orde executiva de paralización de traballos. Traballadores municipais declararon descoñecer calquera prohibición de desbroce con maquinaria durante os meses de xullo e agosto.
A posición da acusación particular, que representa a tres brigadistas feridos (un deles con graves secuelas), e da acusación popular, da Federación Galega de Ecoloxistas en Acción, será clave. Se ambas as partes comparten a tese da Fiscalía e a defensa de sobreseimento, a causa non continuaría na vía penal, pasando ao ámbito civil.




