O xulgado de Verín mantén aberta a causa para esclarecer as circunstancias que rodearon o inicio do lume o pasado 12 de agosto. Durante as últimas comparecencias, testificaron representantes municipais e técnicos da empresa pública Seaga para aclarar se existían restricións que impedisen as tarefas de desbroce na xornada na que se declarou o incendio.
A documentación incorporada ao atestado da Garda Civil sinala que o primeiro foco se localizou nunha zona onde se realizaban labores de limpeza baixo convenio. Segundo as testemuñas, non se recibiu ningunha comunicación oficial que ordenase a paralización da maquinaria a pesar da activación da alerta de nivel 2 durante a tarde.
A instrución tamén abordou a existencia dun correo electrónico enviado ás 10:04 horas da mañá do día do suceso, no que se detallaban as directrices para operar en diversos concellos, incluído Oímbra. O técnico da empresa pública recoñeceu a existencia desta orde, que non foi revogada a pesar do empeoramento das condicións meteorolóxicas.
“"Non existía unha orde de prohibición expresa ou por escrito de non desbrozar."
O incendio, que arrasou máis de 23.000 hectáreas en nove municipios ourensáns, deixou un balance de catro persoas feridas durante as tarefas de extinción. A defensa dun dos operarios investigados estuda solicitar o arquivo da causa ao considerar que o traballador cumpriu coas directrices recibidas por escrito.




