O sindicato Alternativas na Xustiza (AXG) sinala que a plantilla deste xulgado, que debería estar composta por 13 traballadores, sofre a ausencia de case a metade dos seus efectivos. Esta situación, agravada por baixas laborais e outras continxencias, obriga aos oito empregados actuais a asumir tarefas adicionais, incluídas as gardas semanais e a atención a detidos.
Segundo detalla o sindicato, a carga de traballo é especialmente alta. Na área civil, catro persoas xestionan máis de 2.000 procedementos, e un único traballador atende o Rexistro Civil. No ámbito penal, dous funcionarios tramitan máis de 450 casos, mentres que outras dúas persoas de auxilio xudicial encárganse da atención ao público e outras xestións.
AXG reclama á Dirección Xeral de Xustiza que tome medidas urxentes para paliar esta "gravísima situación" e cubra todas as vacantes existentes.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia nega que as vacantes alcancen o "50%" denunciado nin que se deban unicamente a baixas laborais. A Administración autonómica explica que a plantilla está formada por tres funcionarios de xestión procesual e administrativa, seis de tramitación e catro de auxilio xudicial. Atribúen os movementos recentes de persoal aos concursos de traslados promovidos polo Ministerio.
A Xunta asegura que está a empregar "todos os medios ao seu alcance" para axilizar a cobertura de prazas e defende que a implantación da nova oficina xudicial avanza segundo os prazos legais. Critican, ademais, a falta de apoio económico do Goberno central, a pesar de tratarse dunha normativa estatal.




