O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiron á celebración desta nova iniciativa arredor do viño no concello de Larouco. A Consellería do Medio Rural sumou a esta proposta a promoción da diversidade e calidade das producións agroalimentarias galegas.
Baixo a proposta “Saborea o Vitis Lumen”, Medio Rural organizou cinco paradas gastronómicas ao longo da ruta. Estas paradas estiveron deseñadas para achegar ao público diferentes produtos galegos amparados por figuras de calidade diferenciada e polo selo de Artesanía Alimentaria, convertendo o percorrido en viños nunha oportunidade para coñecer a diversidade da produción agroalimentaria da comunidade.
As degustacións incluíron unha variedade de produtos como carnes de Artesanía Alimentaria acompañadas de pans con indicación xeográfica protexida, queixos e meles recoñecidos nas Catas de Galicia, elaboracións con carne da IXP Ternera Gallega e Pemento de Herbón, Grelos de Galicia e Lacón Galego, ademais de xeados creados por operadores de Artesanía Alimentaria. Esta iniciativa permitiu reunir nun mesmo percorrido produtos vinculados a diferentes territorios e formas de produción de Galicia.
Martín Alemparte salientou que a calidade diferenciada é unha ferramenta clave para xerar valor a partir da orixe e identidade das producións galegas. Subliñou que estes distintivos garanten ao consumidor a orixe, autenticidade e calidade dos alimentos, ao tempo que protexen o patrimonio agroalimentario, fortalecen a identidade territorial e incrementan o valor para os produtores.
O director tamén fixo fincapé na importancia de achegar estes produtos ao consumidor mediante experiencias que permitan coñecelos, degustalos e identificalos cos seus territorios de orixe. Neste sentido, considerou Vitis Lumen un exemplo das posibilidades de sumar viño, gastronomía e territorio para reforzar a promoción das producións galegas de calidade.




