A tranquilidade dos veciños de Larouco vese alterada pola audacia dos lobos, cuxa presenza se fai notar cada vez máis preto das casas e en horarios diúrnos. O que antes era un paseo habitual polas pistas próximas ao pobo convértese agora nunha actividade que moitos evitan por medo a posibles encontros.
Un recente vídeo rexistrou un avistamento arredor das 10:45 da mañá deste venres. Un lobo apareceu camiñando con total calma por riba dunha zona de traballo, a escasos metros dos veciños. Este suceso súmase a outros incidentes recentes, como o dun exemplar seguido en coche a tan só 100 metros das primeiras casas do núcleo urbano, ás 13:30 horas.
"Pode verse tódolos días. A xente xa non quere ir pasear", lamentaba un testemuño ante a falta de temor do animal cara aos humanos. Ademais, unha parella de lobos foi detectada merodeando habitualmente a uns 300 metros do casco urbano dende finais de abril, o que intensifica a preocupación na zona.




