A artista, que comezou a súa formación musical en Ourense, descubriu a súa paixón pola interpretación durante os seus estudos en Santiago de Compostela. Tras formarse na Real Escuela Superior de Arte Dramático (RESAD) en Madrid, rapidamente se fixo un oco no teatro e na televisión, demostrando a súa versatilidade como actriz, guionista e creadora.
O seu papel como Ángela na serie Animal, onde comparte elenco con recoñecidos actores, impulsou a súa popularidade. Actualmente, atópase gravando a segunda tempada desta produción. Antes, xa participara noutras series como Luimelia, El caso Asunta e Los años nuevos.
“"A comedia encántame. Son feliz facéndoa e a miña creatividade está moi enfocada a este xénero. Se me dan a elixir, sempre me vou á comedia."
Ademais do seu traballo como actriz, a artista tamén é coñecida pola súa faceta de creadora. A súa webserie Historias Vageniales, coa que gañou un Premio Mestre Mateo, foi adaptada ao teatro e está actualmente en cartel no Teatro Luchana de Madrid. Esta obra, que aborda a evolución do corpo feminino e a sexualidade desde unha perspectiva historicista e cómica, tivo unha gran acollida en Galicia e ten previsto retomar a súa xira galega a partir de outubro.
A pesar do seu éxito na capital, a actriz mantén un forte vínculo coa súa terra natal, A Pobra de Trives, onde reside a súa familia e amigos, e á que regresa sempre que as súas obrigas profesionais llo permiten.




