O BNG de Vimianzo organizou unha charla informativa para abordar o atraso na conclusión do proceso administrativo da concentración parcelaria nos lugares de Carnés e Cereixo. O obxectivo final é a entrega de títulos notariais definitivos aos propietarios dos terreos.
Ao encontro asistiron preto dun cento de persoas. O deputado nacionalista Óscar Insua e o portavoz municipal do BNG de Vimianzo, Benxamín Queiro, informaron sobre as iniciativas impulsadas no Parlamento galego. A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, sinalou en marzo que se prevé a conclusión do proceso no primeiro semestre de 2027.
Os nacionalistas sinalan que existe unha "falta de persoal" para realizar os trámites pendentes, unha situación que recoñeceron na delegación da Xunta. O BNG esixe que se incorpore máis persoal para acelerar un proceso que se alonga dende hai máis de tres décadas.
O BNG comprometeuse a seguir apoiando aos veciños e veciñas para esixir á Consellería de Medio Rural que achegue todos os medios necesarios para finalizar o proceso canto antes. Tamén farán seguimento para garantir que a Xunta cumpra co novo prazo establecido.
Pola súa banda, Benxamín Queiro cualificou de "despropósito" o incumprimento do Partido Popular coa veciñanza de Vimianzo, en particular cos residentes de Carnés e Cereixo. Engadiu que "a xente quere os títulos canto antes, e non poden enganalos ano tras ano".




