O alumnado de Educación Dixital de 3º da ESO desenvolveu AI Tempo, un asistente visual e sonoro deseñado para facilitar o día a día de persoas que se benefician de recordatorios claros e puntuais, como usuarios de centros de apoio. O sistema funciona de xeito autónomo, destacando as actividades nun panel de alto contraste e emitindo avisos sonoros personalizados coa voz de persoas coñecidas ou música, grazas á aplicación TTS-Nós. Requírese unicamente un ordenador tipo Raspberry Pi, unha pequena pantalla, un altofalante bluetooth e unha tarxeta de memoria. O reloxo foi decorado con elementos artísticos inspirados en A noite estrelada de Van Gogh.
Pola súa banda, o alumnado de 2º do Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes (2º SMR) presentou Fala Espazos, un sistema de guía por voz para persoas con discapacidade visual. Unha cámara con intelixencia artificial detecta a proximidade dunha persoa a unha sala e reproduce un son que describe o seu contido, organización e servizos. O sistema, desenvolvido para a Fundación Mencer, funciona de xeito continuo e os audios son totalmente personalizables. O hardware necesario inclúe un ordenador Raspberry Pi 5, unha cámara web e un altavoz bluetooth.
Estes proxectos son froito do traballo sostido ao longo do curso escolar por parte dos docentes coordinadores Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, coa colaboración do profesor Francisco Velo. A participación do centro enmárcase no seu compromiso coa innovación educativa e a atención á diversidade.
A clausura de Talentos Inclusivos celebrouse na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, coa presenza do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, quen destacou a importancia destas iniciativas para a Estratexia de inclusión educativa da Xunta, Eduinclusión 2030.




