A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto co director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, participou hoxe nunha visita guiada ao campamento romano da Ciadella, en Sobrado. Esta visita celebrouse tras finalizar os últimos traballos de conservación e mantemento neste enclave arqueolóxico, que supuxeron un investimento de case 17.000 euros.
A representante autonómica subliñou o compromiso da Xunta coa protección deste xacemento, destacando o investimento continuado para a súa investigación, conservación e posta en valor. "A Ciadella é unha peza fundamental para comprender a presenza romana en Galicia e, como tal, temos a responsabilidade de conservala e de facela cada vez máis accesible á cidadanía", afirmou do Campo.
A última intervención, promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, centrouse na limpeza e roza da vexetación en aproximadamente 26.000 metros cadrados de terreos propiedade da Xunta de Galicia. Tamén se incluíron labores de conservación das estruturas arqueolóxicas e acondicionamento dos espazos de visita, utilizando medios mecánicos e lixeiros segundo a zona, e traballos manuais nas áreas escavadas para protexer os restos.
Esta actuación dá continuidade a diversas campañas arqueolóxicas realizadas pola Xunta nos últimos anos, cun investimento total que roza os 650.000 euros. Grazas a este investimento, mellorouse o estado de conservación do enclave, avanzouse na súa conversión nun recurso cultural e turístico visitable con acceso libre, sinalización e paneis interpretativos con códigos QR, ademais dunha aula interpretativa. Mantense ademais un mantemento periódico anual para evitar a proliferación da vexetación.
Ademais, a protección da Ciadella deu un paso máis coa incoación do procedemento para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), recoñecendo o seu extraordinario valor histórico e arqueolóxico.
A actuación na Ciadella forma parte do Plan de actuacións arqueolóxicas da Xunta para 2026, dotado con case 685.000 euros para 38 intervencións en toda Galicia. Na provincia da Coruña están previstas nove actuacións cun orzamento global de case 178.000 euros.




