Ambos os inmobles galegos atópanse nunha situación crítica, segundo informou a entidade, que alerta sobre o risco de perda deste patrimonio histórico. A antiga igrexa barroca, que foi centro relixioso e social durante séculos e quedou abandonada en 2008, presenta unha nave única, presbiterio rectangular e sacaigrexa. A súa fachada principal, de sillares á vista, conta cunha porta adintelada, un ocelo e unha espadaña dun só van.
A ausencia de cuberta e a exposición á intemperie, xunto coa invasión de vexetación e importantes desprazamentos nos muros, están a provocar un deterioro progresivo do templo. Hispania Nostra lembra que o inmoble está catalogado conforme á Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia e urxe unha intervención para frear a súa degradación.
Pola súa banda, a Casa Grande do Ribeiro, unha casa fidalga construída no século XVII, atópase fronte á capela de Nuestra Señora de Loreto. O conxunto, fundado en 1765 por Domingo Antonio Concheiro Bolaño, inclúe unha construción principal de planta baixa e semisoto e varias edificacións auxiliares. Destaca unha gran cheminea con pináculos e ánforas de cerámica, ademais de restos dun patín con columnas e dous hórreos.
A construción dunha presa nos anos 50 restoulle terras de cultivo. Nos anos setenta foi abandonada como vivenda e parte das edificacións agrícolas foron derrubadas. Actualmente, a Casa Grande atópase sen cuberta nin forxados e invadida pola vexetación, mentres que na capela permanecen restos de madeira do antigo retablo e os hórreos están parcialmente derrubados.
“"O risco de colapso afecta todo o conxunto e fai necesaria unha intervención urxente para evitar a súa desaparición."
Con estas dúas incorporacións, a Lista Vermella de Hispania Nostra supera xa os 1.630 bens patrimoniais en risco en toda España, poñendo de manifesto a necesidade de actuacións urxentes para a conservación do legado histórico.




