A área recreativa de Ribas Altas, en Monforte de Lemos, transformouse por unhas horas nunha aula ao aire libre para o alumnado de quinto de primaria do CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos, coñecido popularmente como Colexio Novo. Un total de 40 nenos e nenas gozaron dunha xornada soleada e participaron nunha clase especial impartida polo Club de Pesca Río Cabe, que os distinguiu como 'gardiáns do río'.
“"Un pescador do século XXI non só busca peixes, busca deixar o río mellor que o atopou."
A iniciativa non se centrou unicamente na práctica da pesca, senón que tamén buscou fomentar o contacto coa natureza e inculcar valores de respecto polo medio ambiente. Os escolares adquiriron nocións fundamentais sobre a importancia de coidar o seu contorno natural, participando activamente na proposta de Residuo Cero, co compromiso de non deixar plásticos nin sedais abandonados.
O Club de Pesca Río Cabe continuará coa súa labor educativa, impartindo unha escola de pesca cada xoves na mesma localización, a partir das 16:00 horas. Para participar, o único requisito é o interese por coñecer o mundo da pesca, xa que todo o material necesario será proporcionado pola entidade.




