O encontro institucional centrouse en proxectos que comparten ambas Administracións co obxectivo de mellorar a calidade dos servizos que se prestan á veciñanza. Este ano, a Xunta xa achegou financiamento ao concello para iniciativas como a mellora da área recreativa da Devesa, a adquisición dun tractor desbrozadora ou o obradoiro dual de emprego, que se comparte con Pantón e Sober.
Villares tamén se referiu ao papel dinamizador do tecido asociativo e á necesidade de dotalo de infraestruturas e equipamento. Neste sentido, lembrou o apoio do Goberno galego á Asociación de veciños de Rebordaos na reforma da súa sede.
O delegado sinalou que a cooperación institucional, xunto coa implicación activa das asociacións e colectivos locais, contribúe a xerar oportunidades no rural e a fixar poboación.




