A Consellería do Medio Rural, a través do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, estivo presente na XXII Feira Outrora celebrada en Bóveda. O departamento autonómico colaborou na iniciativa para promocionar e valorar os produtos agroalimentarios de calidade diferenciada, así como as potencialidades do medio rural.
Durante a súa visita, Martín Alemparte participou nunha degustación da IXP Ternera Gallega, acompañada de produtos galegos amparados por selos de calidade. Alemparte subliñou que estas producións son unha expresión da identidade territorial e do saber facer dos produtores, xerando valor engadido e dinamizando a economía rural. Destacou a aposta da Xunta por impulsar producións vencelladas á orixe e ao territorio para reforzar o seu prestixio e crear oportunidades no rural.
Ademais da degustación de carne, na feira tamén se promoveron produtos como queixos galegos con denominación de orixe protexida gañadores de medallas de ouro nas Catas dos Queixos de Galicia 2025, doces de Artesanía Alimentaria con augardentes e licores tradicionais, e unha cata comentada de queixos de Artesanía Alimentaria.
Pola súa banda, Paz Rodríguez asistiu á programación da tarde, centrada nos oficios tradicionais e na artesanía galega. Rodríguez recalcou a importancia destas actividades para valorar o potencial de oficios representativos do rural galego, como a malla.
A Consellería do Medio Rural continúa co seu traballo para potenciar os produtos de calidade alimentaria a través do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada. Este plan conta cun orzamento de 10 millóns de euros para este ano, dous millóns máis que en 2025, co obxectivo de reforzar a promoción, incrementar o posicionamento nos mercados e xerar valor para os produtores e o rural galego.




