A Feira Outrora de Bóveda chega á súa vixésimo segunda edición en Rubián, consolidándose como un dos eventos máis emblemáticos da vila. Durante toda a xornada, os asistentes poderán percorrer os arredores do recinto, onde se disporán preto de medio centenar de postos de artesáns procedentes da comarca e doutras zonas de Galicia.
O alcalde, José Manuel Arias, destacou que, malia manter a estrutura habitual, reforzaranse algunhas das actividades programadas, especialmente as destinadas ao público infantil e as actuacións musicais. "Teremos xogos tradicionais pero tamén apostamos por reforzar o apartado da festa da escuma con outros xogos de auga polas altas temperaturas que levamos este verán”, sinalou o rexedor, quen tamén anunciou o uso dunha máquina "un chisco máis moderna" para a recreación da malla.
A feira abrirá as súas portas ás 10.00 horas co inicio da actividade nos postos de artesanía e gastronomía. Pouco despois, ás 10.15 horas, comezará unha exhibición de escultura con motoserra, unha das primeiras propostas do día.
Ás 11.00 horas darán comezo os obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño, mentres que o Grupo de Gaitas do concello de Bóveda ofrecerá un pasarrúas musical. A degustación de produtos galegos baixo a marca Experiencias de calidade diferenciada, coa colaboración de Agacal, terá lugar ás 12.00 horas, ao mesmo tempo que o concerto da banda Sons e Soños.
A programación da tarde comezará ás 16.00 horas cunha demostración participativa nos postos de artesanía e a reanudación dos obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño. Dende as 17.30 horas, o Campo do Muro converterase no escenario da festa acuática, que inclúe tobogán, deslizador e festa da escuma, pensada para combater as altas temperaturas estivais. Esta actividade contará con monitores para os máis pequenos e finalizará cunha merenda.
A música coral chegará ás 19.30 horas co concerto da Coral Municipal de Bóveda na capela. A tradicional recreación etnográfica da malla terá lugar ás 20:30 horas, seguida do isco no guizo ás 21:30 horas. O broche final porao o cantante Antonio Barros co seu espectáculo 'Verbena inequecible'.
O cartel desta edición, gañador do concurso convocado polo concello, é obra de Jorge Pastoriza Santa Clara, de Vigo. A súa proposta, que representa un mercado tradicional con artesáns traballando, foi recoñecida cun premio de 500 euros. O concello recibiu propostas de diversas procedencias, incluíndo localidades limítrofes e doutras provincias.




