O Concello de Cartelle acolleu este fin de semana a sexta edición da Festa da Carne ao Caldeiro, unha cita que cada ano gaña máis relevancia no calendario gastronómico da provincia. Nesta ocasión, máis de catrocentos cincuenta comensais encheron as carpas instaladas no Prado de Sande, localidade anfitrioa do evento.
A programación comezou o sábado pola tarde coa “Gran mexillonada”, que dende as 20:30 horas encheu as carpas, ofrecendo aos asistentes unha degustación gratuíta. Posteriormente, ás 22:00 horas, deu paso á Festa da Xuventude, unha iniciativa pensada para prolongar a celebración.
O día principal da festa foi o domingo, cando o medio milleiro de asistentes puideron gozar dunha xornada de tempo excelente, acompañada de música, gastronomía e unha exhibición de coches clásicos. Un cento de vehículos clásicos reuníronse no pavillón de Outomuro para o primeiro paseo de clásicos polo Concello de Cartelle, percorrendo diversas localidades antes de regresar a Cartelle para unirse á festa.
“"Foi un éxito total, non podía saír mellor."
Aínda que a ruta de coches non chegou ás carpas do Prado ata o mediodía, moitos veciños xa se achegaran dende as 11:30 horas. Un dos camareiros comentou entre risas que se serviran máis dun milleiro de consumicións antes de comezar a comida principal.
Un equipo dunha vintena de persoas foi o encargado de atender aos máis de catrocentos comensais. Os asistentes degustaron empanada de carne de raza cachena e aperitivos, ademais do cocido, que comezou a servirse xunto coa protagonista indiscutible, a “carne ao caldeiro”.
“"A empanada estaba riquísima e agora esperando a carne ao caldeiro... ímolo pasar bomba botando uns bailes logo."
Moitos dos presentes, tanto veciños como visitantes chegados de lugares como Foz (Lugo), gozaron por primeira vez desta edición. A comida deu paso á “troula”, onde os centenares de asistentes se animaron con bailes, risas e bebidas, demostrando por que a Festa da Carne ao Caldeiro de Cartelle atrae cada ano a máis xente.




