O Festival de Baile "Baila conmigo" chega á súa décimo oitava edición en Celanova, reafirmando a súa traxectoria como un dos principais eventos de danza en Galicia. A organización destaca que se trata "do evento máis lonxevo da Península Ibérica e posiblemente do continente, na súa categoría".
Nesta edición participan 28 bailaríns e compañías de oito nacionalidades distintas, incluíndo a recoñecida compañía italiana "Tropical Gem", considerada a mellor do mundo. O alcalde de Celanova, Antonio Puga, sinalou a importancia de acoller a "mellores bailaríns", mentres que o organizador, Modesto Vispo, subliñou o alto nivel artístico e competitivo reflectido no palmarés dos participantes.
A programación comezou onte cun "Pre Festival" aberto ao público, que incluíu unha clase gratuíta e baile social na Praza do Millo. Hoxe haberá outra sesión similar na Praza das Pitas. Ademais das exhibicións e competicións, o festival ofrecerá dezanove obradoiros adaptados a todos os niveis de bailaríns.
As clases terán lugar no Claustro Barroco a partir de mañá. Pola noite, a Praza Maior será o escenario do concurso de salsa e bachata. Amplíase tamén o concurso "Baila baila" con novas categorías infantís e opcións para solistas, parellas e grupos. As exhibicións principais do sábado celebraranse no Auditorio Municipal Ilduara, con máis de 120 bailaríns, e o baile social no Refectorio do Claustro.
O festival tamén contará coa presenza do compositor Guillermo Castro, galardoado nos Premios Latino polo seu tema "Galicia baila".




