A circulación quedou restablecida este martes, poucas semanas despois do inicio dos traballos de reparación da infraestrutura, que se derrubara á altura do quilómetro 22,2. A actuación era moi demandada polos veciños, xa que a vía comunica varias parroquias rurais de Muras e o concello limítrofe de Vilalba.
“"Nesta zona, sen alternativas directas, os desvíos obrigan á veciñanza a percorrer máis quilómetros, polo que a actuación permitirá reducir os tempos de desprazamento e reforzar a seguridade nunha zona de baixa densidade de poboación e gran dispersión."
As obras contaron cun investimento superior aos 27.000 euros e incluíron o desmonte e a demolición da antiga ponte, así como a construción dunha nova estrutura. Os traballos abrangueron o saneamento do terreo, a cimentación, a colocación de marcos prefabricados, a execución dunha soleira empedrada na parte interior e a impermeabilización da exterior, ademais dun sistema de drenaxe, aletas, a reconstrución do firme e a instalación de barreiras de seguridade.
Ademais desta intervención, a institución provincial anunciou que proximamente comezarán as obras de mellora do firme nun tramo de seis quilómetros da mesma estrada. Tamén se rehabilitará outro tramo ao comezo da LU-P-3402, que conecta A Gañidoira con O Viveiró, cun orzamento de 250.000 euros.




