A rede de abastecemento da Rúa Cidade de Viveiro, en Vilalba, será renovada de forma integral. O Concello anunciou a aprobación, a través dun decreto de alcaldía, da execución destas obras ante o "avanzado estado de deterioro" da infraestrutura, que xerou problemas e queixas veciñais de forma continuada dende 2013.
As roturas na traída foron especialmente frecuentes durante este 2026, chegando a rexistrarse incidencias case semanais nos últimos tempos. Por este motivo, o goberno local decidiu priorizar unha primeira fase centrada na substitución completa das tubaxes de auga, considerada a intervención "máis urxente e necesaria para garantir a continuidade e fiabilidade do servizo".
O proxecto técnico e os informes necesarios xa foron completados. A actuación financiarase mediante un reequilibrio económico na concesión do servizo de augas, xestionado por Espina y Delfín. A alcaldesa, Marta Rouco, explicou que a decisión busca "actuar sobre a causa do problema e non continuar intervindo só cando aparece unha incidencia", recoñecendo as molestias ocasionadas aos veciños.
O concelleiro de Servizos Públicos Municipais, Eduardo Vidal, detallou que os traballos incluirán a retirada das antigas canalizacións e a instalación dunha nova rede de PVC, xunto coa colocación de novas válvulas para modernizar o sistema. Estímase que esta primeira fase teña unha duración de tres meses dende o seu inicio, previsto para "próximamente".
A renovación da rede de abastecemento era a actuación máis urxente, segundo apuntou Marta Rouco, quen avanzou que se seguirá traballando na "mellora integral deste entorno". Os veciños tamén criticaran o estado das beirarrúas e da calzada, melloras que se deixan para unha segunda fase debido á alta financiación requirida.




