Vilalba licita a xestión do bar da área recreativa da Magdalena tras regularizar a súa situación

O Concello de Vilalba abre o proceso para a concesión do establecemento, que levaba medio ano pechado por irregularidades herdadas.

Fachada do Concello de Vilalba
IA

Fachada do Concello de Vilalba

O Concello de Vilalba iniciou o proceso de licitación para a concesión do bar da área recreativa da Magdalena, unha instalación que permanecía pechada dende hai aproximadamente seis meses para regularizar a súa situación.

Esta medida pon fin a unha situación que o goberno local describe como “herdada de anteriores gobernos”, xa que a explotación do establecemento viña realizándose “sen un procedemento público en vigor, ao amparo dun acordo do ano 2011 que xa estaba amplamente vencido”.
Por este motivo, o actual equipo de goberno procedeu a declarar caducada e rescindida a relación contractual previa, co obxectivo de “restaurar a legalidade e o interese xeral”.

"Era unha obriga deste goberno actuar con responsabilidade para rematar cunha situación irregular que nunca se debeu prolongar no tempo. Hoxe Vilalba dá un paso adiante, apostando pola transparencia, a igualdade de oportunidades e a boa xestión dos recursos públicos."

Marta Rouco · Alcaldesa de Vilalba
A alcaldesa, Marta Rouco, subliñou que esta licitación representa unha “oportunidade para emprender nun entorno privilexiado e cun gran potencial”.
A concesión terá unha duración inicial de cinco anos, con posibilidade de prórrogas anuais ata un máximo de cinco anos adicionais. O canon mínimo establecido, non suxeito a IVE, é de 967,28 euros mensuais.
O prazo para a presentación de ofertas é de 20 días naturais a contar dende o 14 de abril. Poden participar persoas físicas ou xurídicas, así como unións temporais de empresarios, presentando a documentación de forma electrónica a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.
Entre as condicións do contrato inclúese a obriga de realizar melloras no interior das instalacións, como a renovación do falso teito e o pintado. Estas actuacións serán compensadas cun período de carencia de 16 meses no pago do canon. Tamén se establece un réxime mínimo de apertura para garantir a prestación do servizo durante todo o ano.