O Concello de Vilalba reabriu este mércores 20 a aula de estudo da biblioteca municipal Agustín Fernández Paz despois de finalizar as obras de remodelación do primeiro piso do inmoble. Estes traballos tamén serviron para adaptar o espazo que acollerá proximamente os fondos bibliográficos do recoñecido escritor vilalbés, doados pola súa familia.
A actuación supuxo unha "notable transformación das instalacións" e permitiu "reorganizar e modernizar completamente" este espazo municipal, segundo destacan dende o goberno local. O proxecto centrouse no acondicionamento duns 150 metros cadrados da primeira planta, renovando a aula de estudo e habilitando a nova aula Agustín Fernández Paz, un espazo de carácter expositivo e divulgativo.
Os fondos bibliográficos do escritor aínda pasarán por un proceso de catalogación antes de ser expostos e postos en valor nesta nova aula dedicada á súa figura, o cal se prevé realizar proximamente. Mentres tanto, os usuarios xa poden facer uso da zona de estudo, que mantén o seu horario habitual de luns a venres de 8.00 a 21.00 horas.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que "o feito de manter un horario continuado de 13 horas de apertura, sen interrupción ao mediodía, permite que os usuarios poidan organizar o seu tempo de estudo con maior comodidade". Visitou a instalación xunto ao edil de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, coincidindo coa finalización das obras.
As obras incluíron a incorporación de novo mobiliario, melloras acústicas cun novo teito que reduce a reverberación e unha iluminación específica con luminarias led para favorecer o estudo. O espazo conta agora con 36 postos distribuídos en seis mesas, todas con conexión eléctrica directa.
"A reforma permitiu modernizar completamente unha instalación que precisaba adaptarse ás necesidades actuais, tanto desde o punto de vista funcional como do confort e da eficiencia", explicou Luis Fernández.




