A programación do FIV, que se desenvolverá no Campo da Feira e na Praza da Constitución, promete unha experiencia musical completa. As entradas estarán dispoñibles na billeteira, que funcionará ambos os días desde as 12.00 ata as 00.00 horas.
A xornada do venres comezará no Escenario Vibra Mahou coa apertura de portas ás 19.00 horas. O primeiro en subir ao escenario será Futuro Alcalde ás 19.30, seguido por Celia Becks ás 21.00. Un dos momentos máis agardados será a actuación de Carlos Ares ás 22.45, para despois dar paso a Alcalcá Norte ás 00.30. A noite pecharase coa sesión de Rapariga Dj.
O sábado, a música arrincará ao mediodía na Praza da Constitución coa tradicional actuación da Banda Municipal de Vilalba ás 12.30 horas. Grande Osso repetirá ás 13.45, e a tarde continuará co FIV Stars, Karaoke con Esteban ás 15.30, unha cita que gaña adeptos en cada edición. Pola noite, o Escenario Vibra Mahou reabrirá ás 19.00 para recibir a Repion ás 19.30, Puño Dragón ás 21.00 e La M.O.D.A., que protagonizará unha das actuacións estelares ás 22.45. Ángel Stanich tomará o relevo ás 00.45, e Grande Osso será o encargado de poñer o broche final ao festival.
O FIV volverá apostar polo formato diúrno do sábado coa actividade do Escenario #Fiver by Lactalis, nunha edición que volverá combinar nomes consolidados, novas voces da música estatal e propostas pensadas para vivir o festival desde o mediodía ata ben entrada a madrugada.
Ademais, o festival ofrece a posibilidade de acampar no Estadio Roca (ao aire libre) ou no pavillón do Ceip Insua Bermúdez (cuberto). As parcelas teñen un custo de 15 euros, máis gastos de xestión, e pódense reservar a través da páxina web oficial do evento.
O FIV conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, así como co patrocinio do Concello de Vilalba, da Deputación de Lugo e de Vibra Mahou.




