Durante esta fin de semana, a Praza da Constitución de Vilalba convértese no epicentro comercial coa celebración da Feira de Oportunidades. Un total de dezaseis establecementos de diversos sectores participan nesta iniciativa, presentando os seus produtos con atractivos descontos e promocións especiais.
A proposta, organizada pola Asociación de Empresarios de Vilalba no marco da programación do Centro Comercial Aberto para o ano 2026, ten como obxectivo principal impulsar o consumo no comercio de proximidade, atraer visitantes á localidade e ofrecer experiencias de compra accesibles e atractivas para toda a cidadanía.
“"Está habendo xente de forma continua, estamos contentos."
Os dezaseis negocios participantes, entre os que se atopan Airalje Deportes, Mercería Mercedes, Ritello, As Nubes Moda, Carber Moda, Lanas Pingüin Corsetería, Kids, O Gato con Botas, Carlin, Retoños, Wolf Design, Texas, Zokos, Denais e Final Xpress, mostraron a súa satisfacción coa afluencia de público durante a primeira xornada do sábado. Numerosos visitantes achegáronse á carpa instalada para a feira.
“"Hai que insistir e ir pouco a pouco. E é bo que sempre sexa na mesma data, porque a xente así xa conta con ela."
Desde Retoños destacaron a consolidación desta feira, lembrando que a primeira edición tivo lugar en 2016 con só catro comercios e unha duración dun día. A Feira de Oportunidades, que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio da Xunta e do Concello de Vilalba, continuará este domingo en horario de mañá e tarde, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Ademais, ofrecerase un servizo de ludoteca infantil e sortearanse dúas cestas de produtos de alimentación entre os clientes que realicen compras.




