Un home de mediana idade resultou ferido na tarde deste sábado en Cospeito ao quedar atrapado no interior do seu vehículo, que envorcou tras chocar contra un muro.
Os bombeiros do parque comarcal de Vilalba tiveron que axudar ao ferido a saír do interior do turismo. Realizaron a manobra a través das portas traseiras e non foi necesario o uso de ferramenta para excarcerarlo.
O home, que se atopaba plenamente consciente, foi trasladado ao Hula por unha ambulancia do 061.
O accidente sucedeu ao redor das 16.20 horas. Un particular alertou á central de emerxencias do 112 Galicia da presenza dun coche envorcado na LU-P 6501, no quilómetro 40 en Rioaveso, dentro do concello de Cospeito. A persoa que chamou indicaba que no interior do vehículo había unha persoa ferida, consciente pero incapaz de saír.
Tras o aviso, o 112 mobilizou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vilalba, ao Subsector de Tráfico de Lugo e a persoal de mantemento de estradas.




