O condutor e único ocupante dun vehículo que sufriu unha saída de vía na estrada que une o casco urbano de Vilalba coa parroquia de Lanzós, a LU-P-6502, resultou ferido, en principio de carácter leve. Foi evacuado ao Punto de Atención Continuada (PAC) da capital chairega.
O sinistro produciuse pasadas as seis da tarde, superado o punto quilométrico 1 da citada vía. A central de emerxencias do 112 Galicia recibiu a chamada dun particular alertando do suceso.
Desde o 112 trasladouse o aviso á Policía Local, Urxencias Médicas 061, a Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e os bombeiros do parque comarcal de Vilalba. Finalmente, non foi necesaria a intervención dos bombeiros ao non haber persoas atrapadas no interior do turismo.




