A creatividade e o produto local son os eixos centrais de Espazos Efémeros, un evento que marca a súa estrea no recentemente rehabilitado edificio da praza da Inmaculada. A mostra reunirá dezaoito postos de venda que ofrecerán artesanía, xoiería, moda e propostas agroalimentarias.
Os asistentes poderán atopar produtos como meles do país, viños de autor, xoiería contemporánea, cerámica, arranxos florais e doces sen glute. Ademais das vendas, haberá obradoiros demostrativos a cargo dos expositores e concertos musicais.
Este proxecto de cooperación Leader interterritorial, impulsado polos GDR Galicia Suroeste Eurural, Limia-Arnoia e Ulla Tambre Mandeo, conta co cofinanciamento da Unión Europea a través dos fondos Feader e a colaboración do Concello de Tui.
A inauguración oficial terá lugar este venres ás 17.30 h, coa presenza de representantes institucionais dos Grupos de Desenvolvemento Rural, autoridades municipais, provinciais, autonómicas e nacionais. Pola tarde, ás 19.00 h, iniciaranse os concertos coa actuación de Faia Díaz e Xan Campos. O espazo permanecerá aberto ata as 21.00 h o venres.
O horario para o sábado, domingo e luns será de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 21.00 h. Tres dos dezaoito postos son de Tui: A Fada do Aloia (xoguetes), Mar Jewelrin (xoiería de resina) e Adega Quiñóns da Insua. Outros expositores chegan de Tomiño, O Rosal, Oia, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Nigrán, Ourense, Pazos de Borbén, Santiago de Compostela e Soutomaior, ofrecendo dende produtos de kiwi ata cadros botánicos, cerámica, mel, arranxos florais, donuts sen glute, xoiería e elementos decorativos.
Ao longo da fin de semana, a programación musical inclúe as actuacións de Abril (sábado ás 13 h), Terreiras (domingo ás 19h) e The Swinging Flamingos (luns ás 18.30h), ademais dos obradoiros demostrativos que irán ofrecendo os distintos postos.




