Arquivada a causa contra a alcaldesa de Guitiriz por suposto cobro irregular de dietas

O xulgado de Vilalba non atopa indicios de delito na denuncia do PP contra Marisol Morandeira por malversación e prevaricación.

Imaxe xenérica dun mazo de xuíz sobre documentos legais, simbolizando unha decisión xudicial.
IA

Imaxe xenérica dun mazo de xuíz sobre documentos legais, simbolizando unha decisión xudicial.

O xulgado de instrución de Vilalba decretou o sobresemento provisional e arquivo da causa aberta contra a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, tras non atopar indicios suficientes de delito.

A investigación iniciouse por mor dunha denuncia presentada polo portavoz do Partido Popular no municipio, quen acusaba a rexedora socialista de presuntos delitos de prevaricación administrativa, malversación de caudais públicos e falsidade en documento público ou oficial.
A denuncia centrábase no cobro de dietas por un importe de 381,65 euros, correspondentes a unha viaxe oficial a Portugal. O denunciante sostiña que existía unha suposta incompatibilidade, xa que a alcaldesa asistira telematicamente a unha xunta de goberno local o 10 de decembro de 2025 mentres se atopaba no estranxeiro.
Con todo, o auto xudicial desvirtúa estas alegacións. A documentación achegada durante a instrución acredita que Morandeira percibiu as dietas “conforme ao establecido no acordo plenario correspondente” e que a súa asistencia á xunta de goberno foi, efectivamente, por vía telemática. A xuíza explica na resolución que, tras as dilixencias practicadas, “o resultado das mesmas non logrou confirmar a existencia de indicios suficientes da comisión dos feitos denunciados”.

"O Partido Popular entrou nun xogo sucio que nada ten que ver co obxectivo claro da política local."

Marisol Morandeira · Alcaldesa de Guitiriz
No momento en que se fixo pública a denuncia, a alcaldesa acusou o Partido Popular de entrar “nun xogo sucio”. Morandeira defendeu entón que “todas as accións e procedementos administrativos que se levan a cabo desde o Concello están, como non podía ser doutro xeito, dentro da máis absoluta legalidade”. Aínda que recoñeceu o dereito dos grupos políticos a tomar medidas legais, reiterou que esta cuestión “nada ten que ver co obxectivo claro da política local: traballar para mellorar a vida dos veciños e veciñas”.
Aínda que o tribunal acordou o sobresemento provisional da causa, a resolución non é firme e contra ela cabe interpoñer un recurso de apelación.