A Confederación Intersindical Galega (CIG) solicitou á Inspección de Traballo de Lugo que leve a cabo as "diligencias de investigación necesarias para esclarecer as causas e depurar responsabilidades polo accidente" no que faleceu un xove pontés de 24 anos. O sindicato trasladou as súas condolencias á familia e compañeiros do falecido e anunciou que se personará como "acusación particular na causa xudicial aberta por este sinistro".
No escrito remitido, a CIG sinala "indicios claros de que a empresa non cumpría coa lei de prevención de riscos" e non garantira "unha protección eficaz e a integridade física do operario". O mozo, que cursaba unha FP dual no IES Castro da Uz das Pontes, faleceu mentres realizaba "tarefas de ensamblaxe e manipulación de estruturas metálicas de gran tonelaxe", o que o sindicato cuestiona dado o nivel de risco.
A central sindical argumenta que, a pesar de que o convenio da Xunta e a empresa obriga a ter formación en prevención antes de iniciar as prácticas, o traballador "non contaba coa formación específica para os riscos reais que atopou", referíndose á peza de 500 quilos que lle caeu enriba. Consideran que isto constitúe "unha neglixencia tanto na supervisión da empresa como na coordinación co centro".
A CIG critica que as tarefas de alto risco non se correspondían co plan de formación e que a avaliación de riscos da compañía non contemplaba estas actividades perigosas para persoas en prácticas. Denuncian que este accidente é "o exemplo máis dramático e grave do que implica a concepción da formación dual: reducir a calidade educativa, avanzar na privatización do ensino e... fornecer as empresas de man de obra barata sen garantir a protección nin os dereitos laborais básicos do alumnado en prácticas".
Ademais, o sindicato sinala que a empresa ou carecía dun procedemento de traballo en elevación ou este non se puxo en práctica, xa que de existir, a zona de perigo baixo a carga estaría perimetrada. Defenden que esta operación "debería estar dirixida por un recurso preventivo".
Por todo o exposto, a CIG esixe unha "actuación contundente para depurar as responsabilidades que poidan existir", xa que "desenvolver a actividade laboral nun lugar de traballo en condicións saudábeis e de seguridade é un dereito".




