A xornada inaugural, celebrada este xoves, contou coa asistencia de diversas personalidades, incluíndo a Pablo Fernández López, delegado territorial da Xunta de Galicia; Eugenia Pérez Fernández, directora xeral de Formación Profesional; Belén Cachafeiro Anta, deputada provincial; Lucía Pedroso Suárez e Miguel Angel García Miguens, representantes da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa; e Gonzalo Louzao Dono, alcalde do municipio, entre outras autoridades.
O recinto feiral, que se estende por 7.400 m² de superficie cuberta distribuídos en catro pabellóns, completouse con zonas verdes, áreas de restauración e un aparcadoiro de 4.000 m² para acoller aos visitantes.
Dentro da programación, o campus de Pontevedra da Universidade de Vigo organizou unha sesión informativa para estudantes de Formación Profesional. O obxectivo foi dar a coñecer as opcións de continuar estudos co Grao en Enxeñaría Forestal, que se imparte na Escola de Enxeñaría Forestal, e as súas especialidades en Explotacións Forestais e Industrias Forestais. Destacouse que a formación universitaria técnica mellora as perspectivas laborais nun mercado que demanda profesionais altamente cualificados.
Os relatores tamén abordaron a profunda transformación que vive a industria da madeira, comparable á doutros sectores como o téxtil ou o da automoción. A bioeconomía circular, a reutilización de recursos, a robótica, a intelixencia artificial e o big data están a marcar un cambio de paradigma empresarial.
Neste contexto, subliñouse o rol estratéxico da enxeñaría forestal na xestión sostible, a planificación, a innovación e en campos emerxentes como a construción con madeira, a biomasa, a conservación ambiental e a prevención e extinción de incendios.
O certame continuará este venres cunha programación especial desde o recinto a cargo de Radio Estrada e unha xornada técnica impartida por Bertín Parga, Xefe de Servizo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional. O acceso ao recinto feiral será gratuíto.




