A rúa Marqués de Ugena de Sarria, no seu cruzamento con Benigno Quiroga, rexistrou dous novos incidentes con autobuses este xoves. A forte pendente da vía e un badén na intersección son as causas habituais deste tipo de problemas, que xa se produciron anteriormente.
O primeiro suceso tivo lugar arredor das 17:00 horas. O condutor dun autocar tivo que realizar manobras complexas, incluíndo subirse á beirarrúa, para poder incorporarse á rúa Benigno Quiroga e continuar o seu traxecto.
Pouco despois, preto das 20:30 horas, un segundo vehículo, de menores dimensións, tamén se viu afectado. Neste caso, o autobús tivo que dar marcha atrás ata a Rúa Murallón para poder seguir pola rúa Frei Luis de Granada.
En ambos os dous autobuses viaxaban peregrinos, que tiveron que baixar dos vehículos e retirar as súas equipaxes para facilitar as manobras dos condutores. A Policía Local acudiu aos dous puntos para cortar e regular o tráfico ata que os autocares puideron retomar a marcha.
O Concello de Sarria recordou que a circulación de vehículos pesados está prohibida no casco urbano dende hai anos, con sinalización específica nas entradas. Ademais, existe un indicador na Rúa Porvir que impide o paso de autobuses por esta vía, que desemboca en Marqués de Ugena. O pasado 13 de abril, outro autobús de dous pisos con máis dun centenar de nenos tamén quedou atascado na mesma rúa.




