Organizada polo Concello a través da Concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal, a feira terá lugar en Villa Andrea, ofrecendo un formato próximo e accesible para o público. Esta primeira edición pon o foco no talento local, dando protagonismo a máis de 15 escritores e escritoras de Sarria e a súa área de influencia, que xa confirmaron a súa participación.
“"Facer comunidade arredor dos libros e dar visibilidade ás persoas creadoras da vila, permitindo ao público coñecer o seu traballo e reforzar o orgullo pola produción cultural local."
A programación esténdese ao longo de dúas xornadas. O sábado 25 estará dedicado á literatura infantil e xuvenil, con actividades dirixidas ao público familiar e unha sesión de contacontos como peche. O domingo 26, pola súa banda, centrarase na programación para adultos, con mesas de diálogo entre autores e unha sesión vermú de clausura a cargo dun coñecido presentador.
O evento contará tamén coa implicación de diversos axentes do ámbito cultural e asociativo da zona. Haberá postos de librarías locais, como Libraría Lago e Estanco Gallego, ademais da editorial Alauda Negra e outras entidades, convertendo a feira nun punto de encontro entre lectores e o tecido cultural da vila. Nos vindeiros días darase a coñecer a programación completa, cos horarios, mesas temáticas e a listaxe definitiva de participantes, coa aspiración de consolidar esta cita como un referente cultural en Sarria e fortalecer o papel da lectura como elemento de cohesión social.




