Sarria acolle a planificación do operativo para o eclipse solar de agosto

A Subdelegación do Goberno en Lugo coordina cos concellos do sur da provincia o dispositivo de seguridade para o evento astronómico.

Imaxe xenérica dun eclipse solar.
IA

Imaxe xenérica dun eclipse solar.

A Subdelegación do Goberno en Lugo reuniuse en Sarria cos concellos do sur da provincia para organizar o dispositivo de seguridade e tráfico ante o eclipse solar do 12 de agosto.

A xuntanza, celebrada no salón de plenos, contou coa presenza de efectivos das forzas e corpos de seguridade, así como de representantes municipais das comarcas de Sarria, A Ulloa, Chantada e Terras de Lemos. Nestas zonas prevese unha notable afluencia de visitantes para observar o fenómeno astronómico.
Este encontro completa a serie de reunións territoriais impulsadas pola Subdelegación, co obxectivo de asegurar unha coordinación institucional eficaz e ofrecer unha resposta segura á cidadanía nun día cualificado como “histórico”.

"É fundamental planificar accesos, aparcamentos e dispositivos de tráfico para garantir lugares de observación seguros e organizados, que permitan canalizar a afluencia de persoas e asegurar unha experiencia ordenada."

unha portavoz da Subdelegación do Goberno
Ademais, informouse sobre un curso de formación gratuíto ofrecido polo Ministerio de Educación. Esta iniciativa busca que tanto o profesorado como a cidadanía en xeral poidan aproveitar a oportunidade educativa que supoñen os eclipses totais de 2026 e 2027, así como o eclipse anular de 2028, todos eles visibles desde España. A inscrición para este curso está aberta ata o 23 de maio na web do Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e de Formación do Profesorado.