O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Val do Dubra está a desenvolver este mes de setembro dúas iniciativas que teñen como eixo común a promoción e normalización da lingua propia: un curso de introdución á lingua e á cultura galegas para persoas procedentes do exterior e a creación dun Directorio de empresas que empregan o galego. Ambas as accións comparten o propósito de facer do galego unha lingua máis presente na vida cotiá, nas relacións sociais e na actividade económica do municipio.
O curso, que comezou o xoves 17 de setembro no Centro de Formación do Concello, é unha formación gratuíta dirixida principalmente a persoas maiores de 16 anos procedentes de fóra de Galicia. Desenvolvido en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, nesta primeira edición participan dez persoas, cinco de Venezuela e cinco de Brasil. Ao longo de 20 horas, o alumnado coñecerá nocións básicas da lingua, vocabulario e expresións habituais, ademais de contidos sobre a historia e a cultura galegas.
“"É unha forma de devolverlles aos galegos o entendemento e a acollida. É hora de aprender o galego para agradecer e devolver ese favor que nos fan cando cambian de lingua para que nós, os emigrantes, nos adaptemos."
Entre as participantes atópase Luz Rangel, natural de Venezuela, quen considera que aprender galego é unha forma de agradecer a acollida recibida. Tamén destaca a razón práctica, xa que traballa en Carballo e ten contacto con clientes galegofalantes, polo que coñecer a lingua pode facilitar a comunicación e xerar maior confianza. A súa experiencia resume unha das intencións do curso: que as persoas que chegan de fóra non vexan o galego como unha barreira, senón como unha ferramenta para participar plenamente na sociedade.
A vontade de normalizar o galego esténdese tamén ao ámbito profesional coa posta en marcha este mes do Directorio de empresas que empregan o galego. Esta iniciativa busca visibilizar os comercios, empresas e profesionais locais que utilizan a lingua galega na súa actividade. A inscrición é voluntaria, gratuíta e aberta a todo o tecido empresarial local a través dun formulario en www.valdodubra.gal. A proposta parte da idea de que empregar a lingua propia pode xerar proximidade e confianza coa clientela, ademais de reforzar a identidade e o compromiso co territorio.




