A nova plataforma, cun investimento de 207.599 euros, permitirá aos profesionais de atención primaria capturar imaxes dermatolóxicas co seu dispositivo móbil e envialas aos sistemas corporativos do Servizo Galego de Saúde. As imaxes quedarán vinculadas ao paciente e integradas na historia clínica electrónica para a súa consulta polos servizos de dermatoloxía.
A solución busca reforzar as capacidades da atención primaria e facilitar a coordinación cos servizos de dermatoloxía hospitalaria, ademais de mellorar a dispoñibilidade e seguimento da información clínica. Incorpora a posibilidade de usar intelixencia artificial para comprobar a calidade da imaxe no momento da captura e almacenará as imaxes en estándar DICOM para favorecer a interoperabilidade e a futura incorporación de algoritmos de apoio ao diagnóstico.
Esta iniciativa supón unha evolución respecto do actual proceso de teledermatoloxía, que empregaba cámaras dixitais obsoletas. A nova solución concentra nun dispositivo móbil a captura de imaxes, o rexistro de datos e a integración da información asistencial.
A implantación de SERGAS PROF comezará cun proxecto piloto en outubro no centro de saúde Virxe Peregrina (área sanitaria de Pontevedra), seguido en novembro polos centros de saúde de Sárdoma (área sanitaria de Vigo) e Vite (área sanitaria de Santiago de Compostela). A extensión da funcionalidade está prevista entre xaneiro e marzo de 2027.
SERGAS PROF concíbese como unha plataforma móbil con capacidade para incorporar novos servizos e funcionalidades, favorecendo a telemedicina e a mobilidade profesional. Forma parte do Plan de transformación e saúde dixital da Consellería de Sanidade.




