O acordo busca asegurar a conservación, o mantemento e a reparación das infraestruturas deste polígono industrial, garantindo o correcto funcionamento dos seus servizos como a rede viaria e a iluminación. Este paso é crucial para desbloquear a situación provocada pola falta de constitución da Entidade Urbanística de Conservación prevista no proxecto sectorial.
O protocolo establece as bases para unha solución consensuada entre as tres partes implicadas: o Concello de Santiago, Xestur e os propietarios das parcelas. Para iso, prevese a creación dunha mesa técnica que analizará o estado actual do polígono, as actuacións necesarias, os gastos históricos e actuais, e os posibles criterios de participación e financiamento.
Trátase dun acordo inicial entre administracións que permitirá realizar os estudos necesarios para consensuar unha solución equilibrada. A vindeira semana está prevista unha xuntanza cos propietarios das parcelas do polígono para avanzar neste proceso.




