O polígono industrial da Tella en Ponteceso (A Coruña) vén de beneficiarse dun investimento de máis de 114.000 euros para mellorar a seguridade e a accesibilidade das súas infraestruturas viarias. A actuación, que contou cunha achega autonómica de máis de 91.000 euros, centrouse na renovación da rede de pluviais, beirarrúas e pavimentos na estrada AC-419.
As obras permitiron renovar 722 metros lineais da rede de pluviais, repoñer 175 metros lineais de bordos e beirarrúas, e reparar tramos deteriorados da calzada e zonas de aparcadoiro. Instalouse un novo colector de 315 mm de diámetro, sumidoiros, canaletas e pozos de rexistro para mellorar a drenaxe.
Tamén se actuou nas beirarrúas, danadas polo paso de vehículos pesados, executando un pavimento de formigón armado de 15 cm de espesor. A calzada e as zonas de aparcadoiro, con deformacións e roturas, foron reparadas con formigón armado de 20 cm de espesor.
Belén do Campo destacou a importancia destas actuacións para mellorar as condicións de circulación e tránsito peonil, corrixir desperfectos e prolongar a vida útil dos pavimentos, especialmente nunha zona que soporta tráfico de gran tonelaxe.
Estas intervencións enmárcanse na convocatoria de axudas da Xunta para a mellora de parques empresariais, dotada con 3,5 millóns de euros. Na provincia da Coruña, concedéronse 22 axudas por case 1,3 millóns de euros, incluíndo outra actuación en Bértoa (Carballo) por 40.000 euros.




