O encontro serviu para facer balance do impacto das accións desenvolvidas no marco do convenio asinado este ano para o apoio ao Global Sustainable Seafood Galicia Forum (Foro GSSG). Esta cuarta edición consolidou Galicia como un punto de encontro internacional sobre a xestión responsable dos recursos mariños, a transformación azul e o impacto socioeconómico e ambiental na cadea de valor dos produtos pesqueiros e acuícolas.
Durante a xuntanza, sentáronse as bases operativas para avanzar na preparación dos contidos e proxectos previstos para o ano 2027. Ambas as partes amosaron a vontade compartida de continuar afondando en estratexias que poñan en valor a sustentabilidade dos recursos marítimos, a transparencia na trazabilidade, a descarbonización e a innovación científica aplicada ao sector mar-industria.
A cooperación entre a Consellería do Mar e a Fundación Nueva Pescanova, entidade sen ánimo de lucro declarada de interese galego, enmárcase no compromiso institucional de fomentar o diálogo con todos os axentes da cadea pesqueira para reforzar a competitividade do sector e preservar os ecosistemas mariños a longo prazo.




