A Xunta de Galicia impulsa a proxección exterior da música galega apoiando a presenza de dúas propostas, A Pedreira e Fillas de Cassandra, no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, estivo presente no evento.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu ao concerto de A Pedreira, quen foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos do Womex. Esta iniciativa ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países.
A representación galega nos escenarios completarase o sábado 24 coa actuación de Fillas de Cassandra, prevista para as 21,30 horas —hora canaria— no escenario Atlantic Connections, situado no Auditorio Alfredo Kraus. O dúo formado por María SOA e Sara Faro presentará a súa combinación de tradición musical galega, electrónica e pop.
Xunto á participación artística, o encontro conta coa presenza de empresas e profesionais galegos que aproveitan a feira para presentar os seus proxectos, manter reunións de traballo e establecer contactos con axentes do circuíto internacional. O Womex mantén unha estreita relación con Galicia, que acolleu tres edicións deste mercado: en Santiago de Compostela, en 2014 e 2016, e na Coruña, en 2023.




