O acordo, asinado pola reitora Rosa M. Crujeiras e o presidente do Consello Consultivo, Andrés Lago Louro, ten unha vixencia de catro anos e actualiza o convenio anterior vixente desde 2022. O obxectivo é establecer un marco de actuación conxunto para actividades de interese mutuo.
A colaboración incluirá a execución de proxectos e programas de investigación xurídica, así como a organización conxunta de programas de formación práctica e actualización dirixidos á comunidade universitaria e profesionais do Dereito. Tamén se prevé a organización de congresos, xornadas ou seminarios e a publicación dos seus resultados.
Ademais, o convenio marco facilita o acceso do persoal do Consello Consultivo aos servizos e recursos bibliográficos da Biblioteca da USC. Cada proxecto específico derivado deste acordo requirirá un convenio particular aprobado polos órganos de goberno de ambas as institucións.
O acordo xeral tamén posibilita a posta en marcha dun Practicum USC – CCG, para a realización de prácticas académicas externas do estudantado de grao en Dereito.




